Canto se tarda en amortizar unha instalación?
Canto se tarda en amortizar unha instalación? Esta é unha das preguntas máis frecuentes, e como somos galegos imos contestar con algo moi galego, pois depende. É certo que a amortización de cada instalación depende de moitas variables: tipo de vivenda ou negocio, o consumo enerxético, tipo de instalación…pero en Solarz queremos ser o máis transparentes posibles, por iso hoxe queremos darvos algúns datos para entender canto se tarda en amortizar unha instalación fotovoltaica nunha vivenda.
CUSTE DA INSTALACIÓN
O primeiro que temos que saber é que o custe dunha instalación fotovoltaica baixou considerablemente nos últimos anos gracias aos avances tecnolóxicos e o aumento da demanda que fixo baixar os prezos dos equipos. Na actualidade o custe medio dunha instalación para unha vivenda unifamiliar está entre os 5.000€ e 7.000€, case catro veces menos que fai 10 anos. É importante lembrar que aínda que o prezo destas instalacións pode seguir baixando non compensa esperar, xa que o aforro que podemos perder por esperar outro ano será maior que esa caída.
AMORTIZACIÓN
Como xa dixemos a amortización depende de varios factores, os máis importantes a ter en conta son o número de paneis e consumo enerxético de cada fogar, pero poderíamos dicir que a media está entre os 6 e 10 anos. Este número de anos pode reducirse se contas con algunha subvención que che permita aforrar na inversión inicial. Un dato importante a ter en conta e que os equipos teñen unha garantía de vida útil de 25 anos, pasado este tempo seguirán funcionando pero cun rendemento menor. Ademais en Solarz ofrecémosche dous anos de garantía e mantemento de balde.
AFORRO DENDE O PRIMEIRO MES
Dende Solarz podemos afirmar que investir en paneis solares é sinónimo de aforro. Aínda que tardes uns anos en amortizar a inversión inicial estarás aforrando a corto e a longo prazo. Poderíamos dicir que unha instalación fotovoltaica é o contrario de mercar un coche novo, dende o momento que empeza a funcionar xa estás gañando. Cando cambias ao autoconsumo fotovoltaico estarás aforrando de media ao mes entre un 60% e 80% na túa factura da luz, e se contas cunha instalación con excedentes poderás inxectar a enerxía que non precises nas redes de transporte e distribución e obter así unha compensación económica por ela.
Aquí outros factores que non debes esquecer sobre as instalacións de enerxía fotovoltaica:
Bonificacións no IBI, no ICIO e dedución no IRPF
O prezo da electricidade que produces non varía, é gratis!
O sol é unha fonte de enerxía inesgotable
En resumo, se queres aforrar na túa factura da luz cada mes a mellor solución é cambiar ao autoconsumo fotovoltaico, xa que dende o minuto un estarás aforrando e poderás amortizar a túa inversión nunha media de 6 a 10 anos. Como dixemos ao comezo deste post cada caso é diferente, por iso en Solarz ofrecémosche un estudo personalizado gratuíto no que gracias ao software co que traballamos poderás saber de antemán o teu aforro mensual, a amortización da instalación e incluso o CO2 que deixarás de emitir.